Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

Inicio do club de lectura 2025-2026



Durante este trimestre, no colexio gozamos moitísimo do Club de Lectura dirixido ao alumnado de 5.º e 6.º de Primaria! 📚✨


Ao longo destas semanas levamos a cabo unha chea de actividades divertidas e creativas: debates cheos de ideas interesantes, xogos de procura de pistas que nos fixeron pensar e traballar en equipo, manualidades… e moito máis!


Pero, sen dúbida, a actividade estrela do trimestre foi converternos en auténticos locutores e locutoras de radio 🎙️. Preparamos guións, recomendado lecturas e posto voz ás nosas historias favoritas, vivindo a experiencia da radio desde dentro.


Foi un trimestre cheo de aprendizaxe, risas e amor polos libros. Deixámosvos este pequeno resumo de todo o que fixemos e esperamos que o gocedes tanto como nós! 📖😊





















RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL 25/26

 

Chegou o Nadal!!!

Xa estamos contando as horas para abrir os agasallos. Non sería xenial que nos agasallasen unha viaxe aos Alpes Suizos ou unha aventura no mundo dos bechos estraños?

Bota un ollo ás nosas recomendacións lectoras , estamos seguras de que hai un agasallo para tí.



25 N- DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E AS NENAS

Este 25 de Novembro celebramos  o DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E AS NENAS,  que este ano, baixo o lema:  "ÚNETE para poñer fin á violencia dixital contra as mulleres e as nenas"  tenta mobilizar á sociedade para poñer fin a esta lacra que agora nos maltrata tamen no mundo dixital.

Dende BIBLIOPONTE, coma todos os anos recollemos e ofrecemos recursos para traballar na aula cas nosas nenas e nenos. Os nosos obxectivos son:

- Romper os estereotipos de xénero que sustentan a desigualdade entre homes e mulleres. 

- Favorecer a educación en igualdade como prevención da violencia machista.

- Comprender o concepto de igualdade efectiva entre homes e mulleres.

RECURSOS:

 





Dispoñible  na plataforma ELBE https://bega-elbe2.edu.xunta.es/?locale=es








OBRADOIRO DE TEATRO RADIOFÓNICO CON CRISTINA COLLAZO (Radio na biblio)

 Boas rapazada!!

Este 11 de novembro as vosas compañeiras/os de 5º desfrutaron din emocionante obradoiro de teatro radiofónico con Cristina Collazo.


Cristina chegou cargada dun montón de ideas, dinámicas e enerxía. Quentamos o corpo e a voz, falamos dos elementos básicos do teatro e da produción radiofónica, aprendemos o que é o foley, xogamos  coa nosa voz, fixemos improvisacións por grupos e, por último, dada a cercanía do Samaín, creamos e gravamos un relato radiofónico arrepianteeee....

Pecha os ollos. Abre ben as orellas e viaxa con nós ao bosque encantado...  



DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, 24 OUTUBRO. A XUBILACIÓN DE BIBLIÓTICO!

 Hoxe, 24 de outubro, celebramos o DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, "O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación."

 

Este día, tan especial para a biblioteca, é o día escollido por BIBLIÓTICO, a que foi a nosa máscota durante máis de 15 anos, para xubilarse e encargarlle ás nenas e nenos o DESEÑO  da nova máscota.

Aquí vos deixamos a carta que Bibliótico lle enviou a todas as aulaS explicando a súa decisión e facendo o seu último encargo como mascota de Biblioponte:



Adeus, Bibliótico! Botarémoste en falta!!





PREPARANDO O SAMAÍN

 Boas, rapazada!

Como cada ano, cando se achega o Samaín, lanzamos o noso concurso de RELATOS ARREPIANTES. Xa estamos na 3ª edición e este ano esparamos que participedes todas e todos.

Como di nas bases, o relato será inédito e en galego. Este ano, o relato deberá estar ambientado no Camiño de Santiago. O alumnado de infantil pode presentar un debuxo ou unha banda deseñada arrepiante.







XA ESTAMOS DE VOLTA!!

  Xa estamos de volta!

Estamos seguras de que tivestes un verán boísimo e de que cargastes as baterías para axudarnos e acampañarnos  na viaxe deste neste curso.

Como cada ano as titorías disporán dúnha hora para baixar á biblioteca e no tempo de lecer Biblioponte está sempre bulindo cos que vides a ler no noso novo sofá, a escoitar música, a argallar na zona de creatividade, xogos e construcións.










 Moitas de vós xa andades a preguntar como facervos persoas voluntarias  para colaborar nas tarefas de préstamo, organización,... As mochilas viaxeiras comezarán a súa andaina polas casas en breve e temos outras interesantes propostas que xa están dando os primeiros pasos:

- Iniciamos unha viaxe fantástica no CLUB DE LECTURA  "Historias da Ponte Vella" que este ano, despois do éxito do ano pasado, arranca con dous grupos.

- As profes están xa artellando as actividades que desenvolveremos no noso PDI que este curso vai achegarnos a "O Camiño".

Como vedes en Biblioponte non hai tempo que perder.  Colle folgos e agárrate a un libro!!! 

Esperámoste en BIBLIOPONTE!!


O CROMA NO CLUB DE LECTURA

 

 O CROMA NO CLUB DE LECTURA


TEMOS BIBLIOTECA NOVA!
E entre as súas novidades está a pantalla verde. Nós estámola aproveitando para gravar a trama de "O misterio de Portomarín", agora con actores de carne e óso.

Ademais, na última semana do curso visitaremos o CEIP Sagrado Corazón, onde teremos ocasión de compartir experiencias con Palabras Infindas, o seu club de lectura, e de falar con Antía Yáñez, a autora do libro que traballamos este curso.

VISITA DE ANTÍA YAÑEZ AO CLUB DE LECTURA. ENTREVISTA NO LABORATORIO DE RADIO.

 VISITA DE ANTÍA YÁÑEZ



O día 16 de xuño, tiñamos pensado ir ao CEIP Sagrado Corazón para coñecer o seu club de lectura, Palabras Infindas, e compartir coa autora de O MISTERIO DE PORTOMARÍN a nosa experiencia co libro. 
Finalmente, foron as rapazas e rapaces dese club amigo quen nos visitaron a nós. 
Foi xenial coñecer a Antía e ás compañeiras e compañeiros do Sagrado Corazón!




Tedes curiosidade por saber que nos contou Antía, non si?
Podedes escoitar a entrevista que lle fixemos no arquivo seguinte.
Así, coñeceredes un pouco mellor a esta grande escritora.

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS: FOLIADA E MAIO

Como xa fomos comentando en entradas anteriores, todo o cole estivo traballando a reo para preparar a Foliada e o Maio co que celebramos o día das letras galegas, que este ano estivo dedicado á POESÍA POPULAR ORAL e á figura das CANTAREIRAS.

 Para preparar este día dende a biblioteca ofrecimos distintos recursos como: 
- Selección de libros para traballar nas aulas: 


- Selección de recursos online para seleccionar cantigas 


e visualizar o traballo das cantareiras:

-Construimos a estrutura do Maio:



- Fixemos entre todas e todos os bandeiríns. Na casa buscastes a tela, nas titorías cortamos triángulos e na biblioteca os voluntarios coseron, coa nosa recén estrenada máquina, decenas de bandeiríns. Finalmente, as  e os profes montamos o campo da feira co maio no centro.







Durante as primeiras horas da mañá, montamos o Maio cos fiunchos, xestas e frores silvestres que trouxestes da casa. Quedounos ben xeitoso!!









Despois da hora de lecer, xuntámonos ao redor do castiñeiro e celebramos a nosa foliada. Cada titoría interpretou a cantiga escollida e ata tivemos bailadores e todo!!